A Consellería de Sanidade, en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas), activa mañá, sábado, o nivel de alerta amarela por episodio de calor na zona isoclimática do interior de Pontevedra. Esta medida enmárcase no Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas.
A alerta amarela afectará aos concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Segundo as previsións de Meteogalicia, este sábado Galicia permanecerá baixo a influencia das altas presións, cunha masa de aire cálido procedente do sur peninsular. Espéranse néboas matinais nalgunhas zonas do interior, que darán paso a tempo seco e solleiro, cun ascenso das temperaturas, especialmente nos valores máximos.
A Consellería de Sanidade, para elaborar o mapa de riscos para a saúde, ten en conta os datos de Meteogalicia (temperaturas máximas e mínimas diarias e superación de límites) e Meteosalud (análise de series temporais de temperatura e mortalidade dos últimos 20 anos). A información destes sistemas pode non coincidir debido aos diferentes parámetros que analizan.
Os principais grupos de risco ante a calor inclúen persoas maiores de 65 anos e menores de catro anos, especialmente os lactantes; persoas con patoloxías cardiovasculares, diabetes, enfermidades pulmonares crónicas, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer, ou enfermidades psiquiátricas. Tamén se inclúen persoas que toman certos fármacos, maiores que viven sós, persoas en vivendas mal acondicionadas, con exceso ou peso insuficiente, traballadores e deportistas expostos a altas temperaturas, e aqueles que pasan moitas horas ao aire libre.
Sanidade recomenda beber máis líquidos, especialmente auga e zumes, evitar bebidas alcohólicas, cafeinadas ou moi azucradas, e aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas. Aconséllase tamén evitar comidas copiosas, comer en menor cantidade e máis veces, e manter os alimentos ben refrixerados.
É importante usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, protexerse con sombreiro, lentes de sol e cremas solares, e usar calzado fresco e transpirable. Recoméndase permanecer en lugares ventilados ou acondicionados, á sombra, e ventilar as vivendas nas horas de menor calor, manténdoas frescas durante o día.
A Consellería tamén aconsella reducir a actividade física e evitar actividades ao aire libre nas horas de máis calor. En caso de viaxar en coche, nunca se deben deixar nenos ou maiores no interior coas ventás pechadas. En caso de esgotamento ou golpe de calor, débese solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Finalmente, recoméndase facer un seguimento especial de parentes ou veciños que vivan sós para comprobar que seguen as medidas recomendadas e que o seu estado de saúde é o habitual.




