O Pontevedra CF desvelou este martes o seu calendario para a tempada 2026/2027. A Real Federación Española de Fútbol anunciou o percorrido do conxunto granate para o próximo curso nun acto celebrado en Madrid.
Será a fin de semana do 29 e 30 de agosto cando comecen as competicións no terceiro chanzo do fútbol nacional. Os de Rubén Domínguez iniciarán a nova tempada visitando ao Real Avilés no Román Suárez Puerta. Este enfrontamento supón volver medirse ao último rival contra o que xogaron esta tempada, un conxunto asturiano dirixido polo exgranate Yago Iglesias.
Do mesmo xeito que o inicio, o final da liga regular tamén será a domicilio. O Pontevedra CF pechará o curso visitando ao Arenas de Getxo.
Ademais do calendario de competición, confirmáronse as datas clave para a nova tempada: o inicio e o final da liga regular, así como o inicio da fase de ascenso a Segunda División. A liga regular comezará o fin de semana do 29 e 30 de agosto e concluirá o 23 de maio.
A fase de ascenso a Segunda División comezará unha semana despois da última xornada de liga regular, o 30 de maio, coa disputa da ida da primeira eliminatoria. A volta desta rolda xogarase o 6 de xuño, mentres que a segunda eliminatoria terá lugar o 13 e 20 de xuño, día no que se coñecerán os dous equipos que ascenden á categoría de prata.




