A investigación iniciouse tras a denuncia do roubo de diñeiro e numerosas botellas de viño de gran valor económico no restaurante Camiño da Serpe, situado en Raxó (Poio), propiedade do recoñecido chef Pepe Vieira. O golpe, perpetrado na madrugada do 17 de maio, foi executado con alta profesionalidade por dous extraballadores do establecemento, que accederon ao local mediante chave falsa e coñecemento das claves de seguridade.
Segundo as autoridades, o grupo operaba en dous niveis: os autores materiais do roubo e os receptadores finais, persoas de alto poder adquisitivo encargadas de dar saída á mercancía no mercado negro. O presunto líder da banda é un narcotraficante xa en prisión por delitos de tráfico de estupefacientes, quen actuaba como principal receptador aproveitando os seus contactos.
Moitas destas botellas son exclusivas, de elevado valor económico, únicas e pouco factibles de atopar no mercado tradicional, o que dificulta enormemente a súa venda en canles convencionais.
A operación policial, desenvolvida polo Equipo de Policía Xudicial de Cangas de Morrazo, realizouse en dúas fases. A primeira culminou coa detención dos dous extraballadores do restaurante. Na segunda fase, leváronse a cabo catro rexistros domiciliarios en Pontevedra e Vigo, onde se interveu unha importante cantidade das botellas subtraídas, localizadas na adega dun domicilio de confianza do líder da organización.
O balance final da operación saldouse con dous detidos e dous investigados. Os detidos son os autores materiais do roubo, mentres que os investigados inclúen ao líder da organización e a unha persoa de máxima confianza. As autoridades subliñan que esta operación evidencia a conexión entre roubos profesionalizados en establecementos de elite e redes de receptación ben establecidas.




