O presidente provincial, Luis López, fixo balance este xoves dunha iniciativa que xa suma 2.800 contratacións e 33,5 millóns de euros investidos a través do plan +Provincia, destinado á activación do emprego na provincia durante os tres anos de mandato. A visita realizouse na praia de Cabeceira, en Poio.
López destacou a importancia deste programa para a mellora dos servizos municipais, incluíndo o mantemento de areais. Anunciou unha nova iniciativa para fomentar o turismo sustentable chamada “Rutas Sensoriais de Mariqueo”, que ofrecerá 27 rutas guiadas en sete concellos costeiros, coa colaboración do persoal das confrarías de pescadores.
A liña 3 do plan +Provincia mobilizou 33,5 millóns de euros para contratar a 2.800 desempregados nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. En Poio, a Deputación facilita este ano a contratación de 23 persoas en áreas como cultura, deportes, servizos sociais e turismo, ademais de seis persoas para o mantemento das praias. O investimento total no municipio ascende a 900.000 euros, que permitirán contratar a 100 persoas ao remate do mandato.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, agradeceu a colaboración da Deputación, sinalando que “sería imposible ter as praias adaptadas sen a colaboración da Deputación”. Destacou o modelo de Poio no plan +Provincia, con 100 persoas contratadas e impacto na limpeza de praias e outros servizos.
O programa “Rutas Sensoriais de Marisqueo”, enmarcado no proxecto Awaves, busca ofrecer experiencias de calidade relacionadas co marisqueo e o patrimonio costeiro. As inscricións para estas 27 rutas guiadas, que se realizarán entre agosto e outubro en sete concellos costeiros, estarán dispoñibles na páxina web da Deputación.
As rutas guiadas percorrerán praias das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, incluíndo areais como Barra (Cangas de Morrazo), Deilán (Vilaboa), Os Praceres (Pontevedra), Ameixal e Combarro (Poio), Compostela (Vilagarcía de Arousa), Aguiuncho (A Illa de Arousa) e Esteiro (Vilanova de Arousa).




