A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver o arquivo do expediente ambiental para a instalación dunha gasolineira na contorna da Baiuca, entre a Avenida Benito Vigo e a Avenida da Torre, no municipio da Estrada.
A resolución fundamenta expresamente a súa decisión nos informes técnicos emitidos polo Concello da Estrada. Estes informes concluíron que o proxecto non era compatible co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e cuestionaron que puidese acollerse á excepción normativa prevista para a integración dunha estación de servizo nun establecemento comercial.
Deste xeito, a Xunta declara que non procede formular a declaración de incidencia ambiental, pon fin ao procedemento e arquiva as actuacións relacionadas co proxecto.
O expediente ambiental contou tamén cunha importante participación cidadá, rexistrándose 730 alegacións particulares, ademais das presentadas por diferentes entidades e colectivos.




