Axentes da Policía Local de Pontevedra interviñeron a sete botes de espray e incautaron haxix e marihuana a un home de 23 anos. Os feitos ocorreron o pasado venres cando unha patrulla sorprendeu ao individuo mentres pintaba de azul a parede dun baixo situado no número 19, no cruzamento da rúa Fernando III coa avenida de María Victoria Moreno.
O mozo xustificou a súa acción ante os axentes argumentando que a súa intención era "facer a parede máis bonita", sinalando que xa existían outras pintadas na fachada do edificio.
“"Era facer a parede máis bonita"
Durante a intervención, ademais dos sete botes de pintura en espray, os axentes acharon entre as súas pertenzas cantidades de haxix e marihuana. A posesión destas sustancias levou á apertura dun procedemento administrativo sancionador, que se suma á denuncia polos danos causados na fachada.
A pintada considérase unha infracción leve, polo que o home podería enfrontarse a unha multa de entre 100 e 600 euros. A esta posible sanción engadirase a correspondente ao expediente por posesión de drogas.




