O municipio de Poio afianza a súa posición como referente en turismo náutico dentro da provincia de Pontevedra. Entre o 1 de xuño e o 15 de agosto, o porto deportivo de Combarro acolleu 298 embarcacións de 17 nacionalidades distintas. Esta cifra convérteo no porto máis concorrido da provincia e no terceiro de toda Galicia.
Segundo estimacións de Portos de Galicia e asociacións do sector, cada barco en tránsito xera un volume de negocio diario duns 200 euros no destino. Deste xeito, a actividade náutica en Combarro durante este período calculase que achegou á economía local uns 190.000 euros.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, xunto ao novo director das instalacións, Xisco Campos, visitou recentemente o porto para subliñar o potencial desta modalidade turística. Durante a visita, constatouse a alta ocupación, superando o 90% dos amarres cubertos, e tamén se puxeron de manifesto algunhas melloras recentes nas infraestruturas, como a substitución de lamas e o pintado de zonas.
O perfil do visitante náutico é cada vez máis internacional. Das 298 embarcacións recibidas, 145 navegaban baixo bandeira estranxeira, case a metade do total. O 51% restante procedía de España.
As nacionalidades máis frecuentes entre as embarcacións foráneas foron o Reino Unido (9,5% do total), seguidas de Irlanda, Francia e Polonia, con máis de 15 barcos cada unha. Tamén houbo presenza de embarcacións de países como Estados Unidos, Suráfrica, Suecia ou Noruega.
Cochón destacou a capacidade do porto para acoller navegantes durante todo o ano, grazas á súa localización protexida na ría de Pontevedra. Subliñou que estes datos "reforzan as oportunidades que ofrece o turismo náutico para Poio, non só para a internacionalización do destino, senón tamén para a desestacionalización".
A concelleira tamén resaltou a repercusión deste turismo na hostalaría, o comercio e os servizos locais. "Cando un navegante conta no seu lugar de orixe como é chegar a Poio por mar, fala da nosa cultura mariñeira, da nosa paisaxe… é a mellor campaña turística de Poio", afirmou.
Finalmente, Cochón agradeceu ao equipo de Campos a "excelente acollida" aos navegantes e a súa contribución para "atraer turismo sustentable, de calidade, que dinamiza a economía e nos proxecta ao mundo ao redor dun eixo da nosa identidade: o mar".




