A actividade delictiva que se viña desenvolvendo de forma sostida en dous locais de ocio nocturno do centro de Pontevedra foi desmantelada no verán de 2023. A investigación, levada a cabo polo grupo SAI da Policía Local e o Grupo I da Udyco da Comisaría Provincial, puxo fin a esta rede que operaba principalmente nun coñecido karaoke da rúa Michelena, hoxe pechado.
Segundo a acusación fiscal, tres dos acusados, dous deles de nacionalidade hondureña que traballaban como camareiros no local, dispensaban diversas substancias estupefacientes, incluíndo cocaína, marihuana, haxix e MDMA. Estas actividades trasladáronse posteriormente ao pub Otto, no casco vello, onde tamén se detectou venda de drogas.
Ademais destes tres homes, unha muller enfróntase a cargos por supostas vendas realizadas a partir dos mesmos provedores, moitas veces na vía pública. A actividade ilícita reportáballes importantes beneficios, como demostra o achado de máis de 13.000 euros nun dos acusados e máis de 10.000 noutro, presuntamente obtidos do negocio das drogas.
Os tres varóns enfróntanse a sete anos e medio de cárcere e a muller a unha posible pena de sete anos, ademais de multas e o decomiso de sustancias e diñeiro intervido.
Os feitos xulgaranse coa agravante de cometer os delitos en locais abertos ao público.




