A provincia de Pontevedra, especialmente no seu interior, enfróntase a unha xornada de calor extrema este venres. A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia activou o nivel de alerta 3 (vermello) ante a previsión de que as temperaturas máximas superen os 35 graos en moitos puntos.
Esta situación débese á presenza dunha masa de aire cálido combinada cunha forte situación anticiclónica e ceos moi abertos, que favorecen o notable ascenso térmico. As xornadas máis críticas serán o venres e o sábado.
Mentres que as mínimas aínda serán suaves o venres, a madrugada do sábado podería rexistrar unha noite tropical, con temperaturas que non descenderán dos 20 graos nalgúns concellos. Polo tanto, o sábado caracterizarase por elevadas temperaturas tanto diúrnas como nocturnas.
Debido a estas condicións, a Xunta tamén determinou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior para mañá venres nos concellos afectados do interior pontevedrés. Os detalles sobre os municipios e horarios específicos poden consultarse na web Deporte Gallego.
Aínda que a situación de calor intenso podería comezar a remitir lentamente a partir do domingo, a alerta vermella mantense activa para o interior de Pontevedra, que inclúe os concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.




