O aviso meteorolóxico comezará á media noite e estenderase ata as seis da mañá do xoves. Espéranse precipitacións que poderían superar os 15 litros por metro cadrado nunha soa hora.
Esta alerta afectará ao interior e ao suroeste da provincia da Coruña, así como a toda a provincia de Pontevedra.
Para o conxunto de Galicia, o xoves manterase baixo a influencia das baixas presións, cunha masa de aire frío procedente de latitudes superiores. Prevese unha xornada de ceos con intervalos nubrados e a posibilidade de choivas localmente fortes.
As temperaturas experimentarán un novo descenso. O vento soprará do sur-suroeste, sendo moderado na maioría das zonas, aínda que con refachos fortes no litoral.




