A programación de verán do Concello de Pontevedra suma un novo nome ao seu cartel. Al Safir actuará no escenario do Urbana Monte Porreiro o próximo 5 de agosto, prometendo "encher de ritmo e enerxía" o espazo.
O anuncio foi realizado polo Concello a través das súas redes sociais, onde se van desvelando os artistas dos concertos de xullo e agosto. Destacan de Al Safir que é "unha das voces máis destacadas do panorama urbano actual".
A entrada para este concerto, así como para o resto da programación municipal de verán, será de balde e libre. O ciclo Urbana Monte Porreiro céntrase nos novos sons urbanos, trap e hip hop, e xa conta coa confirmación do artista 9Louro para o 4 de agosto.
Ademais destas actuacións, o Concello de Pontevedra xa anunciou outros concertos para este verán. O 29 de xullo, Gala i Ovidio actuarán na praza da Ferrería dentro do ciclo Con voz de muller. O 1 de agosto, o grupo De Ninghures participará no Festixeve. A primeira semana de agosto, o trompetista Nils Petter Molvær actuará na praza da Ferrería como parte do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.
Tamén se coñecen xa cinco dos artistas que formarán parte das festas da Peregrina: La Casa Azul o 9 de agosto, C. Marí o día 10, Sidecars o 12, Miguel Ríos o 14 e Pastora Soler o 16.




