A obra, editada polo tudense Fernando Martínez Freiría, profesor de Zooloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con outros seis herpetólogos galegos, analizará o estado de conservación e as principais ameazas que afectan ás 40 especies de herpetos presentes en Galicia.
Este libro é unha obra de referencia exhaustiva que avalía a situación das especies segundo os criterios do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Está dirixido a naturalistas, estudantes e afeccionados á biodiversidade, así como a calquera persoa interesada nestas especies.
Segundo Martínez-Freiría, a publicación serve como ferramenta para a conservación dos anfibios e réptiles galegos, ofrecendo información detallada sobre a súa distribución, ecoloxía, evolución e conservación, aínda que non é unha guía de campo para a súa identificación.
A presentación forma parte da programación de “Outubro, mes da biblioteca” e terá lugar na rúa Camilo José Cela.




