Esta iniciativa, que contará cun orzamento de 1,5 millóns de euros para o bienio 2026-2027, busca dar resposta á necesidade de man de obra en sectores estratéxicos e, ao mesmo tempo, contribuír á fixación de poboación e á vertebración do territorio galego. A convocatoria conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, priorizará a atracción de talento exterior.
“"Queremos facilitar que vivan no rural as persoas que traballan alí."
Poderán beneficiarse destas axudas propietarios, usufrutuarios ou cesionarios de uso das vivendas por un período mínimo de 10 anos. Isto inclúe tanto empresas que contraten persoal como persoas físicas e concellos que se comprometan a destinar os inmobles rehabilitados aos seus traballadores. Un requisito clave é que os centros de traballo non estean a máis de 15 quilómetros da vivenda rehabilitada.
Para asegurar a cobertura das prazas laborais, terán prioridade as solicitudes de vivendas destinadas a persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego ou que posúan unha beca Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para cursar un máster na comunidade. A orde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia na primeira quincena de maio, divídese en dúas liñas de financiamento.
Unha das liñas, dotada con 750.000 euros, diríxese a empresas e persoas físicas que se comprometan a destinar as vivendas rehabilitadas aos seus traballadores. A outra, tamén con 750.000 euros, está pensada para os concellos que subscriban acordos coas empresas. Do total de 1,5 millóns de euros, 600.000 euros corresponden á anualidade actual e os restantes 900.000 euros á de 2027.




