As tarefas inclúen a retirada de árbores, podas e talas no tramo que conecta a estación de autobuses con Ponte Boleira. Esta intervención, que se prevé finalizar a vindeira semana, forma parte do plan de mantemento municipal, que xa abordou a reparación das sendas de sabre danadas polas borrascas invernais.
Os traballos paisaxísticos centráronse na eliminación de árbores de gran tamaño caídas sobre o río, que dificultaban o fluxo normal da auga. Tamén se retiraron exemplares que quedaron sen soporte debido ás riadas e ramas secas que representaban un risco para os viandantes que frecuentan este espazo natural.
“"O obxectivo principal é facer un saneamento de todo o arborado para que este pulmón verde estea en perfectas condicións de uso e desfrute nesta primavera e de cara ao verán."
Ademais, reforzouse a actuación coa erradicación de especies invasoras como acacias e robinias. O Concello confirmou que se plantarán novas especies autóctonas na senda fluvial co fin de mellorar a biodiversidade e proporcionar máis zonas de sombra, repondo así as árbores perdidas durante o inverno ou as taladas por motivos de seguridade.
A administración local subliñou a importancia de manter este parque fluvial en excelentes condicións, garantindo que o Gafos siga sendo un lugar de lecer, descanso e alivio durante o verán para os veciños do barrio e de toda Pontevedra.




