O club pontevedrés informou esta mañá aos seus socios sobre o estado da súa reclamación, na que defende o seu dereito a disputar a fase de ascenso a Segunda División. O Pontevedra CF considera que a normativa actual é ambigua e que, segundo a interpretación da RFEF, favorecería ao Real Madrid Castilla para ocupar esa praza.
Segundo fontes do club galego, a documentación achegada polo Pontevedra foi trasladada tanto ao Castilla como ao Barakaldo, os outros dous equipos implicados no empate a puntos co que rematou a tempada na 1ª RFEF. A RFEF estableceu as 18:00 horas deste luns como data límite para que ambos os clubs presenten as súas consideracións.
Ademais, o Pontevedra CF enviou hoxe documentación adicional para reforzar a súa interpretación regulamentaria. O club asegura que "continúa traballando en defensa dos seus dereitos deportivos" e comprométese a manter informados aos seus afeccionados sobre calquera novidade oficial.




