As rúas que se beneficiarán desta actuación son Viñas, do Adro, Río Lérez, Río Ulla e o Camiño da Ribeira, en San Salvador; o Camiño da Bouza, en Combarro; e o Camiño da Fábrica e a rúa Pereiro de Abaixo, en San Xoán. As empresas interesadas terán un prazo de 20 días naturais para presentar as súas propostas electrónicamente, unha vez publicado o anuncio no perfil do contratante.
O obxectivo principal é a renovación do pavimento e a posta a punto destes viarios, que sufriron un importante desgaste polo uso e os efectos dos temporais do pasado inverno. O investimento total ascende a case 120.000 euros, procedentes integramente do plan Vía Depo da Deputación de Pontevedra.
Na Rúa Viñas, acometerase unha pavimentación urxente e transitoria debido ao seu alarmante deterioro, acordada coa veciñanza. Esta medida busca mellorar a mobilidade e seguridade mentres se executa un proxecto máis amplo e ambicioso a curto prazo, xa que o custe de bachear superaba ao de asfaltar.
Estas intervencións buscan mellorar a mobilidade e a seguridade tanto para vehículos como para peóns, respondendo ás necesidades trasladadas pola veciñanza e avanzando no mantemento da rede viaria municipal, especialmente danada pola climatoloxía adversa deste inverno.
Ademais, na mesma Xunta de Goberno, aprobouse a xustificación de subvencións deportivas concedidas a clubs como a Escola de Piragüismo de Poio e o Sporting Campelo, así como aos deportistas individuais Sabela Martínez Peón, Óscar Viñas Pazos e Emilio Cochón Alonso.
Finalmente, tamén se aprobaron as bases para a selección, por oposición, dun técnico superior de animación socio-cultural. Este contrato, cunha duración de 9 meses a xornada completa, está dirixido a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de garantía xuvenil e as candidaturas serán remitidas pola oficina pública de emprego.




