Aínda que España rexistra altos niveis de ocupación, o acceso ao mercado laboral segue sendo desigual. Factores como a falta de formación, a idade, a orixe, a discapacidade ou problemas de saúde física e mental continúan a ser barreiras significativas para miles de persoas. Para mitigar estas diferenzas, a Fundación 'la Caixa' promove desde 2006 o programa Incorpora, unha iniciativa que busca facilitar a inserción laboral de colectivos vulnerables mediante a colaboración co tecido empresarial.
No último ano, o programa intensificou o seu compromiso coa promoción do emprego feminino e a redución da fenda de xénero. Segundo a enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre de 2025, a taxa de paro entre as mulleres sitúase no 12,11%, máis de tres puntos por riba da masculina. Esta desigualdade estrutural acentúase para as mulleres en situación de vulnerabilidade, que enfrontan obstáculos adicionais como a precariedade económica ou as dificultades de conciliación.
Das máis de 39.000 insercións rexistradas polo programa en 2025 en toda España, o 53,27% corresponderon a mulleres, o que subliña o impacto positivo das accións para favorecer o seu acceso ao emprego. En Pontevedra, das 375 contratacións impulsadas, 187 foron para mulleres.
“"Detrás de cada itinerario de inserción hai unha historia de superación. O programa acompaña ás persoas participantes nun proceso integral que vai máis alá do acceso ao emprego ao reforzar a súa estabilidade e autoestima."
O modelo de Incorpora susténtase nunha rede de máis de 400 entidades sociais e máis de 1.000 técnicos de orientación e prospección laboral en todo o territorio español. Estes profesionais deseñan itinerarios personalizados, adaptados ás circunstancias e capacidades de cada individuo, ofrecendo un acompañamento especializado para mellorar as competencias profesionais e persoais, e reforzar a motivación e autonomía, elementos cruciais para unha inserción laboral sostible e de calidade.
O programa actúa como unha ponte entre as necesidades das empresas e o talento das persoas con maiores dificultades para integrarse no mercado laboral. A maioría das insercións no último ano concentráronse no sector servizos, principal motor do mercado laboral español, destacando áreas como hostalería, comercio, limpeza, atención sociosanitaria, transporte e loxística.




