A compra, cuxo contrato se formalizou o pasado sábado, inclúe pezas de gran valor patrimonial. Entre os elementos adquiridos atópanse tres retablos do século XVIII, un órgano de tipo ibérico datado en 1795, o púlpito e a sillería do coro.
Os retablos corresponden ao maior do convento e aos que albergaban as imaxes de Nosa Señora do Carme e da Inmaculada. Estas pezas, que permanecían custodiadas no antigo cenobio, pasan agora a ser propiedade da institución provincial.
A única peza que as relixiosas reclamaron tras a venda do convento de Santa Clara ao Concello en decembro de 2021 foi o retablo da Virxe dos Desamparados. Este retablo foi trasladado a Santiago de Compostela en 2025 e xa se atopa exposto no convento que a orde posúe na capital galega.
Un estudo publicado pola Deputación en 2013 suxire que a orixe do convento de Santa Clara se remonta a 1310, e non a 1271, como se cría anteriormente.




