Decenas de traballadores do sector téxtil e do calzado mobilizáronse este venres en Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela. As concentracións tiveron lugar fronte ao Museo Marco na cidade olívica, ante diversos establecementos en Pontevedra e cun peche na sede da Confederación de Empresarios de Galicia na capital galega.
“"Este documento supón un importante retroceso nos dereitos laborais e salariais e afonda na centralización da negociación colectiva."
O sindicato nacionalista criticou que o texto, pactado o pasado 23 de marzo, recolle as principais demandas dos grandes grupos empresariais que integran ARTE, entre os que se atopan Inditex, H&M, Mango, Primark, Grupo Tendam, Kiabi e Uniqlo. Segundo a CIG, as condicións do novo convenio implicarían unha redución salarial de aproximadamente 2.000 euros anuais para a categoría de dependenta nas provincias da Coruña e Pontevedra, ademais da perda doutros dereitos xa consolidados.
Por todo isto, os traballadores das catro provincias galegas están chamados a secundar a folga do 17 de abril. No caso da provincia da Coruña, a mobilización estenderase tamén ao sábado 18 de abril.




