A iniciativa, impulsada por Atención Primaria, busca formar á poboación infantil na xestión práctica de emerxencias cotiás mediante metodoloxías lúdicas e dinámicas participativas. Dende o seu inicio no curso 2017-2018, xa se formaron máis de 9.000 nenos e nenas na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Manuel Pardo subliñou a importancia de ensinar aos máis pequenos a actuar ante situacións de emerxencia, xa que "nalgunhas ocasións pode salvar vidas". Os rapaces recibiron formación práctica adaptada á súa idade para recoñecer e actuar ante golpes, cortes, queimaduras, convulsións ou falta de consciencia.
O taller, de dúas horas de duración, divídese en dous módulos. O primeiro céntrase en "pupas e sustos do día a día" como febre, golpes, cortes ou queimaduras, mentres que o segundo aborda "sustos e grandes desgustos" como convulsións ou inconsciencia, incidindo na importancia de alertar aos servizos sanitarios.




