O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense busca recuperar o espírito das históricas Xornadas Agrarias coa organización das "Xornadas do Viño 2026". O evento celebrarase o sábado 4 de xullo no Arquivo Provincial e no Claustro de San Francisco.
O presidente do colexio, Pepe Paz, acompañado pola Xunta de goberno, destacou que o viño foi o sector elixido para iniciar este camiño pola súa natureza dinámica e polo seu potencial como "gran motor económico da provincia".
Baixo o título "Dende Ourense Pensando no Viño", a xornada profesional contará coa participación de Jonas Tofterup, Master of Wine, xunto a investigadores, enólogos e representantes das cinco Denominacións de Orixe galegas. O obxectivo é analizar os retos e oportunidades da viticultura na comunidade.
Pepe Paz sinalou que, tras esta primeira aposta polo viño, o colexio pretende continuar coas xornadas futuras para explorar outras "potencialidades do sector agrario".




