O exercicio, que activou a situación operativa 2, puxo a proba a cooperación entre os servizos de emerxencias autonómicos e estatais, incluída a Unidade Militar de Emerxencias (UME). O obxectivo foi reproducir unha emerxencia causada por varios incendios forestais para avaliar a resposta coordinada dos distintos corpos e servizos, aplicando os plans de emerxencia correspondentes.
A actividade permitiu comprobar a operatividade do Peifoga, dependente da Consellería de Presidencia, e a súa coordinación co Pladiga da Consellería do Medio Rural. Tamén se exercitaron os sistemas de comunicación, a información á poboación sobre medidas de autoprotección e as tarefas asignadas aos grupos operativos e de control.
O simulacro comezou ás 11.00 horas coa activación da situación 2 pola simultaneidade de dous incendios ficticios en O Casal (Cortegada) e en Riocaldo (Lobios). Mobilizáronse medios e emitíronse avisos de confinamento á poboación ata o control do lume.
Máis de cen efectivos participaron no operativo, incluíndo técnicos e axentes forestais, brigadas, a Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX), a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), motobombas, GES de Ribadavia, Lobios e Muíños, bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova e de San Cibrao das Viñas, e o 061.
A UME, con efectivos da BIEM IV con base en León, tamén estivo presente, xunto coa Unidade de Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA), a Garda Civil, a Policía Nacional, agrupacións de Protección Civil, o Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) e a Cruz Vermella. Practicouse ademais o corte de vías de comunicación e a emisión dun aviso mediante o sistema 'Es Alert'.
Tras unha campaña moi complicada coma a do ano pasado, fíxose "unha análise profunda co obxectivo de seguir reforzando o dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais e orientalo a este tipo de lumes".
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, resaltou a análise profunda tras a campaña anterior para reforzar o dispositivo de prevención. Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, cualificou o dispositivo autonómico como "unha referencia a nivel nacional e internacional". O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou a importancia destes exercicios para mellorar a coordinación e garantir unha resposta rápida e eficaz.




