A menor, alumna dun centro educativo da cidade, perdera a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense tras unha sospeita de infección meningocócica invasora, unha enfermidade bacteriana grave. Con todo, o gabinete de comunicación da consellería indicou que “finalmente descartouse a presenza de meningococo nas mostras clínicas”.
Unha semana antes do anuncio, a Consellería de Sanidade confirmara o falecemento da nena e activara o dispositivo previsto para estes casos, centrado en localizar e protexer os contactos estreitos da menor. As medidas preventivas adoptadas seguiron os protocolos de actuación recomendados.
Aínda que a análise da mostra clínica da menor descartou a presenza da bacteria gramnegativa que pode causar meninxite, non se excluíron outras posibles causas da enfermidade. A meninxite é unha inflamación das meninxes, as membranas que rodean o cerebro e a medula espiñal, xeralmente provocada por unha infección.
En paralelo a este suceso, a comunidade galega anunciou un paso adiante na prevención, converténdose na primeira en España en ampliar a vacinación fronte ao meningococo B aos doce anos. A partir de maio, todos os menores que acudan á revisión desa idade recibirán esta protección. Ata o momento, a pauta administrábase aos dous e catro meses, cun reforzo ao ano. Co novo calendario, os nenos e nenas sen pauta completa recibirán dúas doses aos doce anos, mentres que o resto contará cunha dose de reforzo.




