O establecemento amenceu con cristais rotos, diñeiro subtraído e o local desordenado, unha imaxe que xerou alarma entre os hostaleiros e comerciantes da zona. O suceso tivo lugar arredor das 4:15 da madrugada, cando un individuo logrou forzar os accesos do local.
Segundo as imaxes das cámaras de seguridade, o asaltante, que actuou en solitario, accedeu ao interior tras romper a porta de seguridade e a de cristal. Sustraeu unha PDA de comandas e uns 500 euros en moedas. Tamén intentou levar a caixa de autocobro, que resultou danada ao non poder arrincala.
O impacto económico para o negocio, cuxo copropietario é Yago, vai máis aló do roubado. A porta de cristal quedou inservible e a de madeira gretada, o que obrigou ao establecemento a permanecer pechado toda a mañá do martes, supoñendo unha perda de entre 500 e 600 euros en caixa e deixando a oito empregados sen traballo. Foi necesario contratar un garda de seguridade privado para a noite seguinte.
O sospeitoso, identificado grazas ás gravacións e con antecedentes por roubos con violencia, é "un vello coñecido" das forzas de seguridade locais. O afectado denuncia que o centro de Ourense se converte nunha "zona totalmente insegura" a partir das 23:00 horas, e sinala outros incidentes ocorridos esa mesma xornada nos arredores, como o roubo dun portátil e dunha bicicleta de alto valor, ademais dun intento de roubo nunha tenda infantil.
O copropietario expresou a súa impotencia ante a situación, lamentando que os delincuentes "hoxe dormen no calabozo e mañá están na rúa outra vez volvéndoo ao mesmo". Mentres se xestionan os danos coas aseguradoras, o sector sente desprotección.




