A música foi a protagonista dunha emotiva despedida no Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Ismael Rodríguez, paciente desta unidade, quixo festexar o seu regreso a casa cun concerto improvisado antes de abandonar o hospital.
A paixón de Ismael pola música tradicional galega, que cultiva dende hai máis de catro décadas e que o levou a formar parte de agrupacións como “Mozos e Vellos”, foi un elemento clave durante a súa hospitalización. Os profesionais sanitarios animárono a seguir coa súa afección, recoñecendo os beneficios do benestar emocional.
“"Hai despedidas que non precisan discursos"
Como mostra de agradecemento, Ismael ofreceu unha pequena actuación musical. Acompañado dunha guitarra, interpretou "A Rianxeira" mentres o persoal sanitario se sumaba aos coros, creando un momento especial para todos os presentes.
Dende o Servizo de Cardioloxía do CHUO agradeceron o xesto do paciente e desexáronlle "moitos anos máis gozando da música", destacando que esta paixón tamén "axuda a coidar o corazón".




