Tras os últimos días de calor estival, os modelos meteorolóxicos predicen unha suba significativa das temperaturas en Galicia a partir do xoves, que se intensificará o venres e se manterá na metade sur da comunidade ata mediados da próxima semana. O fenómeno coñecido como "efecto domo de calor" atrapará o aire cálido sobre a Península Ibérica, elevando os termómetros a niveis excepcionalmente altos.
Non obstante, antes de que chegue o pico de calor, a cidade e as súas comarcas gozarán dunha calma térmica este martes e mércores. A influencia do anticiclón das Azores traerá mañás con nubes baixas e bancos de néboa na conca do Miño, que se disiparán para dar paso a tardes soleadas con máximas de entre 31 e 33 graos. As noites serán agradables, con temperaturas ao redor dos 15 graos.
O xoves marcará un punto de inflexión. A pesar dunha madrugada fresca, arredor dos 13 graos, o sol será implacable durante todo o día, elevando as máximas ata preto dos 35 graos. Esta xornada será a antesala dun episodio meteorolóxico severo, segundo as previsións de MeteoGalicia e o modelo europeo ECMWF. O aire cálido entrará progresivamente cara á fin de semana, deixando temperaturas moi elevadas na metade sur do territorio.
O impacto total do "domo de calor" materializarase o sábado e o domingo. Os modelos alertan que a cidade de Ourense e toda a conca do Miño poderían rexistrar uns asfixiantes 41 graos nas horas centrais do día. Ademais, regresarán as "noites tropicais", co mercurio resistíndose a baixar dos 20 graos durante as madrugadas.




