A figura de Ramón Otero Pedrayo foi destacada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen o cualificou como "un referente ético e intelectual de primeira orde". Estas declaracións tiveron lugar durante unha xornada celebrada no IES Otero Pedrayo de Ourense, enmarcada nas actividades do Ano Oteriano.
Durante a súa intervención, o xefe do Lexislativo resaltou que "falar de Ramón Otero Pedrayo é falar dunha Galicia que pensa, que sente e que se proxecta no mundo con identidade propia". Tamén fixo fincapé no carácter polifacético do intelectual galeguista, quen sempre estivo "comprometido co seu tempo e o seu país".
“"Falar de Ramón Otero Pedrayo é falar dunha Galicia que pensa, que sente e que se proxecta no mundo con identidade propia."
Segundo informou a Cámara nun comunicado, o presidente do Parlamento subliñou o papel fundamental da educación na formación de individuos comprometidos e conscientes da súa realidade. Puxo como exemplo centros educativos como o IES Otero Pedrayo, onde o propio autor estudou e exerceu a docencia.
Para Santalices, a celebración do Ano Oteriano representa o máximo recoñecemento dun país a "unha figura clave que soubo vincular o galeguismo coa defensa dunha cultura universal desde a súa amada Trasalba". Animou á cidadanía a participar nas actividades programadas e a percorrer a cidade de Ourense coa "mirada chea de curiosidade, de respecto e, sobre todo, de profundo orgullo por ser herdeiros da súa palabra".




