O Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) participa na 39ª edición do Pantín Classic Galicia Pro co deseño e fabricación dos oito trofeos que recibirán as persoas galardoadas na categoría QS 6000 Internacional. A proba, que se celebra na praia de Pantín, en Valdoviño (A Coruña), conta con máis de 200 competidores de 23 países.
O profesor Pablo Fernández Galdo e o técnico especialista en fabricación aditiva Juan Carlos Becerra Permuy estiveron á fronte do proxecto. O deseño, baixo o lema “Cando unha onda se converte en memoria”, inspírase na forza e movemento do océano e do surf. A estrutura interior reproduce a escuma da onda e incorpora area da praia de Pantín, convertendo cada trofeo nunha peza vinculada ao territorio.
A fabricación realizouse con tecnoloxías de fabricación aditiva e filamento PLA, un biopolímero de orixe vexetal, en liña co compromiso da UDC coas alternativas sostibles e a redución do impacto ambiental. A vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares Pernas, destacou a experiencia do campus en materiais avanzados e procesos innovadores.
Ademais, o Campus Industrial de Ferrol conta cun stand divulgativo onde se presenta a oferta académica da UDC e proxectos de investigación en protección do medio mariño, economía circular e novos materiais sostibles. Tamén se amosan iniciativas da Oficina de Sustentabilidade da UDC e obradoiros participativos sobre reciclaxe de residuos mariños.
No stand participan os estudantes Lucas Rodríguez Liñares, Xiana Dani Marriot Fraga e Rodrigo Gómez Fachal, que tamén colaboraron noutras actividades de especialización do campus.




