A iniciativa busca minimizar o impacto de elementos físicos, químicos e biolóxicos na poboación mediante a colaboración con universidades galegas e o reforzo das capacidades da Consellería de Sanidade. O proxecto estrutúrase en sete eixes de traballo, entre os que destacan a epidemioloxía ambiental, a vixilancia da saúde laboral e o impulso á investigación.
Entre as medidas prioritarias figura o control exhaustivo das augas de consumo e baño, así como a vixilancia de produtos químicos e vectores transmisores de enfermidades. O plan tamén pon o foco en fenómenos derivados do cambio climático, como os episodios de temperaturas extremas e a exposición ao gas radón.
Esta planificación integra programas xa existentes, como a Rede Galega de Vixilancia de Vectores e a Estratexia Galega Reduce Radon, co obxectivo de consolidar unha política preventiva máis coordinada entre as distintas administracións e organismos especializados.




