O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Durante o seu discurso, puxo en valor a traxectoria desta entidade como referente empresarial na provincia de Ourense e reafirmou o compromiso da Xunta coa actividade empresarial e coa colaboración público-privada.
González tamén destacou o traballo desenvolvido durante os últimos oito anos polo presidente da asociación, José Antonio Rodríguez, quen concluíu hoxe o seu mandato, agradecendo o seu compromiso na representación das empresas do Polígono.
O titular de Emprego defendeu a necesidade de reforzar o diálogo e a cooperación entre as administracións e as empresas, reafirmando a vontade da Xunta de actuar como unha Administración facilitadora. Puxo como exemplo a recente aprobación do novo Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, froito do acordo co Diálogo Social. Esta iniciativa mobilizará máis de 45 M€ a través de 37 medidas destinadas a reforzar a prevención, mellorar o benestar laboral e favorecer unha reincorporación saudable tras unha baixa.
O Plan contempla apoios específicos para pemes e microempresas en materia de equipamento ergonómico, atención psicolóxica e musculoesquelética, así como substitucións durante incapacidades temporais de longa duración. Ademais, a Xunta porá en marcha un mecanismo de acompañamento á reincorporación e unha Fiestra Única con asesoramento e formación.
José González fixo fincapé na importancia de potenciar o talento como panca do mercado laboral. Sinalou que a Comunidade acadou o pasado mes 1.127.967 afiliacións á Seguridade Social, a mellor cifra para setembro de toda a serie histórica. No caso de Ourense, a provincia rexistra 111.548 cotizantes, a maior cifra para este mes desde 2008.
O conselleiro tamén valorou os instrumentos autonómicos de formación para o emprego, como as accións formativas para persoas desempregadas, ás que se destinaron 60 M€ este ano, e os programas integrados de emprego. Destacou as políticas de atracción de talento, incluíndo a estratexia Galicia Retorna e programas para o regreso de galegos no exterior, así como a incorporación planificada de traballadores de terceiros países.




