O encontro, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir das 11 horas, contará coa presenza dunha delegación guatemalteca. Participarán Antonio Sharshente, vicealcalde do municipio de Jocotán, e Ángel Berna e Marvin Calderón, da asociación Mejorha. Esta asociación xa implementou varios proxectos apoiados polo Fondo Galego a través da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, que tamén intervirá neste evento.
As xornadas 'Territorios que transforman' continuarán nas outras tres provincias galegas na segunda semana de novembro. Nestes encontros participará Marta Calderón, especialista en cooperación e relacións internacionais da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba. O encontro na Coruña está previsto para o 10 de novembro, como parte dun programa formativo sobre irmandamentos e axuda humanitaria. A convidada cubana tamén ofrecerá unha charla aberta ao público noutros concellos socios do Fondo Galego.
Esta iniciativa, financiada pola Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible e coordinada pola Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, busca incorporar a cooperación internacional e a coherencia de políticas na axenda local. A integración en redes como o Fondo Galego democratiza a participación dos concellos neste ámbito.
Durante as sesións distribuiranse os manuais ‘Municipalismo e solidariedade. Do discurso á práctica’ e ‘Proxectos destacados e boas prácticas da cooperación descentralizada’.




