A complexa situación política no Concello de Ourense centrou a análise durante a Xuntanza socialista celebrada hoxe en Allariz, coa presenza do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o voceiro do PSOE no Congreso, Patxi López. O encontro serviu tamén para defender publicamente ao expresidente José Luis Rodríguez Zapatero.
Besteiro defendeu a actitude do seu partido respecto aos presupostos municipais, rexeitando as acusacións de complicidade co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. "Creo que hai un comportamento absolutamente coherente dos socialistas", afirmou, engadindo que "aquí o único incoherente é o Partido Popular, que polas mañás fai oposición e polas tardes axuda e protexe a este goberno municipal".
Respecto aos posibles escenarios políticos no municipio, o dirixente socialista sinalou que "a cuestión de confianza é a que vai plantexar o propio Jácome", e reafirmou a postura socialista de "aberta, honesta e dando a cara". Ante a posibilidade dunha moción de censura posterior impulsada polo Partido Popular, Besteiro remitiuse ao pasado, indicando que "nada cambiou en relación coa situación de hai un ano e medio e as posibles maiorías alternativas".
Ademais, Besteiro criticou a estratexia da dereita en Galicia, acusándoa de "utilizar tránsfugas" para acceder a gobernos municipais, o que cualificou de "incumprimento dos seus propios estatutos". Cuestionou tamén a "autoridade autonómica" do presidente da Xunta, preguntando "que podemos esperar dun presidente da Xunta e dun presidente do Partido Popular aquí en Galicia que non cumpre as súas propias normas?".
Pola súa banda, Patxi López sumouse á defensa de José Luis Rodríguez Zapatero ante as recentes investigacións xudiciais, subliñando a "presunción de inocencia" como "un pilar básico de calquera sistema democrático". Argumentou o apoio "unánime" do partido, xa que "para nós é incompatible o Zapatero que coñecemos coas acusacións que aparecen nese auto".
Gómez Besteiro concluíu apoiando a Zapatero, lembrando a súa propia experiencia hai dez anos con "autos de imputación realmente espectaculares" que "ao final quedaron en nada". "Eu estou absolutamente convencido de que Zapatero nin é un corrupto nin se corrompeu", sentenciou.




