O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Verín logrou desmantelar unha banda especializada en asaltos a estacións de servizo. A operación, coñecida como Bezin OU, saldouse con sete persoas detidas e unha máis baixo investigación, tras cometer un total de 15 delitos en varios municipios da provincia de Ourense.
As pescudas iniciáronse en setembro de 2025, cando se rexistraron múltiples roubos en estacións de servizo situadas en Abavides (tres asaltos), Trasmirás (un) e Oímbra (catro). Ademais dos roubos nos establecementos, o grupo tamén subtraía vehículos e accedía a naves agrícolas para obter ferramentas que posteriormente empregaban nos seus asaltos.
“"A contundencia empregada nos roubos foi extrema, tanto no acceso aos establecementos como no interior, forzando completamente as máquinas expendedoras de tabaco e as recreativas."
Para levar a cabo os seus actos, os criminais utilizaban ferramentas como radiais, mazos, picos e martelos, demostrando unha gran violencia nos seus métodos. O seu modus operandi implicaba que o líder da organización se desprazaba previamente ás comarcas de Monterrei e A Limia para identificar os obxectivos.
Este individuo realizaba múltiples reservas en diferentes establecementos hoteleiros para aloxar aos demais membros da banda, co fin de evitar ser detectados, eludir calquera vínculo entre eles e abandonar a provincia de Ourense rapidamente despois de cada asalto. A investigación, coordinada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín, culminou coa detención de todos os integrantes da organización criminal, que tiña a súa base en diversas localidades de Madrid e Castela-A Mancha.
Realizáronse dous rexistros domiciliarios en Toledo e Madrid, onde se recuperou parte do tabaco subtraído, diñeiro en efectivo e as ferramentas empregadas nos roubos. Tras ser postos a disposición xudicial, os detidos quedaron en liberdade.




