A sentenza, froito dunha conformidade alcanzada na Sección do Penal do Tribunal de Instancia de Ourense, suspende a pena de cárcere a cambio de que o condenado non cometa ningún delito nos próximos dous anos e abone a indemnización fixada.
Os feitos ocorreron arredor das 8:39 horas do 29 de outubro de 2023. A vítima, un técnico sanitario, acudiu ao aparcadoiro do Karaoke Rías Baixas en Ourense para atender unha chamada ao 061. Unha vez alí, e tras conseguir que o acusado subise á ambulancia, xurdiu un altercado entre este e unha terceira persoa que lle recriminaba un comportamento previo. O técnico intentou mediar na situación.
Nese momento, o home sentenciado, "con ánimo de atentar contra a súa integridade física", propinoulle unha puñada ao técnico no lado esquerdo da mandíbula. Como consecuencia da agresión, a vítima sufriu unha contusión e unha contractura.
A Fiscalía informou que o acusado sufría unha grave intoxicación alcohólica no momento dos feitos, o que, segundo un informe forense, "podería afectar á compresión e vontade dos actos imputados". Inicialmente, a Fiscalía solicitara unha pena de nove meses de cárcere por un delito de atentado.




