En Coles, o Auditorio acollerá ás 19:00 horas a representación de “Escándalo’s Club”, dentro do VIII Certame de Teatro Afeccionado. A obra, a cargo da agrupación Esteta, é unha comedia reivindicativa que mestura humor e crítica social, incorporando maxia, clown, números musicais e drag queens. A trama xira arredor dos traballadores dun cabaré que deben afrontar unha débeda tras o falecemento da súa propietaria, mentres un personaxe intenta dividilos para facerse co local.
A proposta escénica de Coles busca reivindicar a liberdade sexual, a diversidade corporal, a tolerancia e a ruptura de estereotipos, ofrecendo unha experiencia dinámica e entretida para o público.
Pola súa banda, en Cartelle, o Prado de Sande será o escenario da sexta edición da Festa da Carne ó Caldeiro, que comezará ás 14:00 horas. O evento gastronómico, que terá lugar baixo unha carpa con música tradicional, contará tamén coa primeira Ruta en Coche Clásico, na que participarán preto de 90 vehículos. Os participantes percorrerán diversas localidades da zona, como A Lagoa, As Teixugueiras e A Seara, con parada no Centro Ecuestre O Mundil en Nogueiró.
En Boborás, o Pazo de Almuzara acollerá ás 18:00 horas a segunda edición do Festival de Bandas de Música. Este evento gratuíto contará coa participación das bandas de Verín, San Cibrao das Viñas e Boborás, que ofrecerán un variado repertorio de temas populares e de autor.
Ademais, o luns 20 de abril, o Campus de Ourense será o lugar dunha conferencia titulada “Construíndo Europa en tempos de inestabilidade”. A charla, que comezará ás 9:00 horas e terá entrada libre, será impartida por Nicolás González Casares, eurodeputado do PSOE, e abordará os cambios no panorama xeopolítico europeo e o papel de Europa no futuro.
Finalmente, o Auditorio de Ourense ofrecerá ás 17:00 horas unha revisión da fábula tradicional dos Tres Porquiños, adaptada aos novos tempos. O espectáculo, dirixido aos máis pequenos, inclúe as figuras de Xan e Xiana, dous exploradores que se adentran no bosque para coñecer os seus personaxes favoritos, e conta con cinco cancións en directo con misión didáctica.




