O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na primeira sesión de Aula Aberta, xornadas de divulgación e degustación de produtos alimentarios artesanais celebradas no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense). O evento centrouse nos derivados cárnicos e serviu para subliñar o papel da Artesanía Alimentaria na estratexia da Xunta para potenciar a calidade diferenciada.
Alemparte sinalou que o obxectivo principal do sector agroalimentario é lograr que os consumidores escollan os produtos galegos pola súa autenticidade, identidade e confianza. Neste sentido, recalcou que Galicia posúe un dos sistemas de calidade diferenciada máis completos de España, que inclúe 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ademais da produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria, figuras que axudan a diferenciar os produtos e a incrementar o seu valor de mercado.
A xornada combinou contidos técnicos sobre a regulación da Artesanía Alimentaria con experiencias empresariais e exemplos de innovación no sector cárnico, presentados polas empresas Ánades Galicia, CienPorCel e Embutidos Navia de Suarna, ademais do propio Centro Tecnolóxico da Carne.
A segunda sesión destas Aulas Abertas terá lugar o vindeiro 24 de xullo no Centro Colaborativo de Friol (Lugo), e estará dedicada aos produtos lácteos. Contará coa participación de Airas Moniz, Condado Paradanta e Xeou!, xunto coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela.




