O maxistrado Leonardo Álvarez, da Praza 1 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, acordou o sobresemento provisional e o arquivo da causa aberta contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. A decisión xudicial xorde tras unha querela presentada por un exconcelleiro de Democracia Ourensana, que denunciaba a suposta adquisición de material técnico con fondos municipais para a televisión privada Auria TV, propiedade do rexedor.
Segundo o auto xudicial, “non se acreditou” que os feitos investigados “sexan contrarios ao ordenamento xurídico penal”. O xuíz subliñou que a compra de material técnico para gravar actuacións relacionadas co Concello ou a contratación dun asesor para realizar tales gravacións “en ningún caso é constitutivo de delito”. A querela cuestionaba a adquisición en xuño de 2020 de dúas cámaras por 8.698,04 euros, supostamente utilizadas para fins privados en Auria TV.
“"A xuízo deste instrutor antóllase totalmente razoable que o Concello de Ourense adquira material técnico axeitado para realizar gravacións de actos que gardan relación co Concello e que son de interese para os ourensáns tendo en conta a importancia que hoxe en día teñen as redes sociais."
O maxistrado considerou que a proba achegada non era “en absoluto suficiente para afirmar que as gravacións se fixesen para ser emitidas exclusivamente por Auria TV”, destacando o “indubidable” interese que estas gravacións teñen para a cidadanía ourensá. Ademais, o xuíz tampouco viu acreditado que se contratase un asesor no Concello de Ourense para desempeñar funcións en Auria TV, xa que “ningunha proba se practicou ao obxecto de acreditar esta circunstancia”.
En canto ao posible “trato preferente que desde o Concello de Ourense pódeselle estar a dar á televisión do alcalde”, o xuíz sinalou que esta cuestión debe ser debatida no pleno municipal. Se as decisións tomadas non son do agrado dalgún concelleiro, deberán ser impugnadas ante os tribunais da xurisdición contencioso-administrativa, que son “moito máis axeitados para dar resposta a devandita cuestión”.




