O titular do Executivo galego participou nunha mesa de diálogo sobre cohesión e competitividade territorial no marco do VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico, onde conversou co lehendakari do Goberno vasco, Imanol Pradales, e co presidente da Generalitat de Cataluña, Salvador Illa. O Grove (Pontevedra), 2 de outubro de 2026.
Na súa intervención, Rueda rexeitou a posta en marcha de medidas que xeran inseguridade xurídica no mercado. Defendeu que, ademais de protexer ao vulnerable, é preciso construír para paliar o problema da oferta de vivenda. Lembrou que Galicia terá nesta lexislatura 4.000 vivendas públicas máis, xa en marcha, e que se está desenvolvendo solo para a construción de 20.000 fogares máis a prezo social.
O presidente tamén falou da competitividade das comunidades autónomas, explicando que Galicia xera este marco a través da estabilidade política e económica, lembrando que desde o ano 2009 aproba os seus presupostos o 1 de xaneiro, ademais de mencionar a débeda contida, o crecemento económico e as cifras de emprego históricas.
Rueda sinalou que Galicia ve favorecidas as novas oportunidades industriais polas "novas enerxías verdes" e os recursos mineiros, apuntando que todo iso haberá que explotalo "con sentidiño e esixindo moito respecto e cumprimento de normas", pero advertindo de que "non imos perder esas oportunidades".
Fixo fincapé en que en Galicia "non queremos ser máis que ninguén pero tampouco poderiamos admitir ser menos, e iso é cohesión", sinalando que os territorios "competiremos, pero sobre unhas condicións de igualdade básicas". Neste marco, reivindicou "a vixencia e a necesidade do Estado autonómico e a descentralización ben plantexada" e incidiu en que manter un nivel de servizos públicos de maior calidade require financiamento.
O responsable do Executivo autonómico incidiu en que "se non hai un financiamento xusto non haberá cohesión territorial", lembrando que o sistema proposto "sitúa a Galicia na cola". Rueda rexeitou negociacións bilaterais, xa que "non podemos admitir que se se quere repartir algo se vaia repartindo por partes".
Finalmente, referiuse ás ausencias evitables ao traballo, que "está lastrando a competitividade", e ás vacantes de postos de traballo, lembrando a aposta da Xunta pola formación e por unha inmigración ordenada.




