Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta informa que mañá mércores o sistema de alerta por episodio de calor será nas seguintes zonas isoclimáticas: Zona de interior de Pontevedra (nivel 2, laranxa), Zona de montaña de Ourense (nivel 2, laranxa) e Zona de Valdeorras (nivel 2, laranxa).
Galicia quedará mañá mércores baixo a influencia das altas presións situadas sobre Centro Europa e cunha masa de aire moi cálido sobre a vertical da Comunidade. Agárdanse unhas primeiras horas do día con nubes baixas no terzo norte, néboas no interior e brétemas costeiras na fachada atlántica. Co avance da mañá, os ceos quedarán despexados en toda Galicia. A partir de media tarde volverán entrar nubes baixas polo norte, polo que cara á noite as zonas da comarca de Bergantiños e litoral de Lugo son as máis probables nas que o ceo estea cuberto, sen precipitacións. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso.
O vento soprará frouxo do norte-nordés con intervalos moderados pola tarde no litoral oeste. O mapa de riscos para a saúde, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, está dispoñible na web do Sergas. Para elaborar este mapa, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos de Meteogalicia e Meteosalud, que calculan os episodios de calor segundo diferentes parámetros, polo que os mapas poden non coincidir.
Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, persoas con patoloxías cardiovasculares, diabetes, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidades psiquiátricas, e aquelas que toman determinados fármacos. Tamén son grupos de risco os maiores que viven sos, persoas en vivendas mal acondicionadas, con exceso de peso, traballadores, deportistas ou quen pasan moitas horas ao aire libre.
A Consellería de Sanidade lembra consellos como beber máis líquidos, evitar bebidas quentes e alcohólicas, aumentar o consumo de ensaladas e froitas, evitar comidas copiosas, usar roupa lixeira e folgada de cores claras, sombreiro, lentes de sol e calzado fresco. Recoméndase permanecer en espazos ventilados ou acondicionados, ventilar o fogar nas horas de menos calor e reducir a actividade física. Non se deben deixar nenos nin anciáns no coche coas xanelas pechadas. En caso de esgotamento ou golpe de calor, solicite axuda médica urxente chamando ao 061. Recoméndase tamén facer seguimento especial a parentes ou veciños que vivan sos.
Os concellos que pertencen a cada zona isoclimática son os seguintes: Noroeste da Coruña, Interior da Coruña, Oeste da Coruña, Suroeste da Coruña, A Mariña, Centro de Lugo, Montaña de Lugo, Sur de Lugo, Noroeste de Ourense, Miño de Ourense, Valdeorras, Montaña de Ourense, Sur de Ourense, Interior de Pontevedra, Litoral de Pontevedra ou Rías Baixas e Miño de Pontevedra.




