Hai 72 horas que un edificio na rúa Vicente Risco, nº 1, no barrio ourensán da Ponte, ardeu por completo. Os bombeiros continúan inspeccionando o inmoble debido á presenza de rescoldos que aínda xeran fume, o que obriga a enviar cuadrillas de refresco. Mentres, os operarios traballan no apuntalamento da fachada e da planta baixa para previr desprendementos e intentan restablecer os servizos de auga e electricidade no edificio colindante. O cheiro a queimado convive coa pregunta que flota nas rúas: "cal será o seguinte?" Este suceso é o último dunha serie de incidentes presuntamente relacionados coa okupación, que mergullaron o barrio na incerteza.
A situación de okupación no primeiro piso do edificio contiguo era un comentario xeral, recoñece a farmacéutica Ana García, cuxo establecemento permanece pechado. "É unha situación que se vía vir, e houbo inmobilismo por parte da Administración. Esperamos recuperar canto antes a normalidade, pero o edificio do lado declararase en ruínas", engade.
“"Os veciños sentímonos tristes. Eu, sinceramente, síntome inseguro. No balcón poño cousas cando marcho de fin de semana á miña aldea, por se alguén tenta entrar, que vexan que está a casa habitada."
Outra veciña da Ponte engade que "os okupas, cando se meten, sempre vai pasar algo. E xa hai tempo tamén pasou n'O Vinteún". Unha transeúnte comenta: "Estamos aquí no barrio totalmente desamparados". "Enfronte de onde eu vivo hai un edificio que está todo cheo de árbores e de cousas. Como haxa un incendio, aquí todo se vai. Cargáronse un edificio moi emblemático."
A preocupación veciñal non é só revivir un incidente así, senón tamén onde irán os residentes do inmoble baleiro. "Os okupas están máis protexidos ca outra xente", asegura un residente da Ponte, quen tamén sinala que "se ides un día á rúa Ribeiriño, están facendo festas na marxe do río, que non deixan durmir aos veciños."
“"Había alguén que pernoctaba na rúa Ribeiriño. Detrás de Ribeira de Canedo están pernoctando. E alí hai un tipo de maleza que arde moi facilmente."
A presidenta da Asociación de Veciños Ponte Canedo, Olga Giráldez, sinala outros puntos de preocupación en Alejandro Pedrosa e na avenida de Santiago. Recorda que "o que sae dun Souto, métese noutro", e que podería repetirse un incendio. Os bombeiros de Ourense informaron que "o edificio está para demoler, quitarlle todo o escombro que hai dentro e empezar practicamente de cero", e existen dúbidas sobre se se poderá conservar a fachada. O baixo comercial "está cheo de escombros", e será a policía científica quen determine se o incendio foi provocado.
A acometida xeral do edificio está queimada. "E, ata que apuntalen o portal, non poderán entrar os electricistas", explicaba Alba García, copropietaria da farmacia contigua, cuxo establecemento tamén se viu afectado.




