A cidade de Vigo acollerá dende mañá, 2 de setembro, a VIII Conferencia Internacional de Conectividade Mariña (iMarCo 2026). Este encontro científico, coorganizado pola Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), congregará a investigadores e expertos internacionais para debater sobre a conectividade entre ríos, estuarios, mares e océanos.
Baixo o lema “Connectivity across water realms for ecosystem resilience”, a conferencia ampliará o foco mariño tradicional de iMarCo cara a unha perspectiva integrada do chamado Nexo Acuático, incorporando a conectividade entre ecosistemas mariños e de auga doce. O obxectivo é comprender a súa importancia para a biodiversidade, a conservación e a resiliencia dos ecosistemas acuáticos.
O IIM-CSIC xoga un papel fundamental na organización e no programa científico, achegando investigadores como Alexandre Alonso Fernández e Laura García Peteiro ao comité organizador local, xunto a Andreu Blanco Cartagena e Carlos García de Leaniz da Universidade de Vigo. Tamén participan en comités científicos, como Sofía Consuegra e Gonzalo Mucientes, para deseñar o contido temático.
O programa científico estruturarase en tres sesións principais: “The aquatic NEXUS, from freshwater to marine effective connectivity”, que explorará os vínculos entre sistemas de auga doce e mariños; “Drivers of ecosystem connectivity in a changing environment”, sobre como as condicións ambientais alteran a conectividade; e “Species on the move: Movement as a driver of ecological connectivity”, centrada no movemento de animais acuáticos e o uso de tecnoloxías de seguimento.
Ademais, haberá catro conferencias maxistrais a cargo de Audrey M. Darnaude (CNRS, Francia), Jesse O’Hanley (University of Kent, Reino Unido), Esben Moland Olsen (Institute of Marine Research, Noruega) e Anna M. Addamo (Stazione Zoologica Anton Dohrn, Italia), que ofrecerán diversas perspectivas sobre a conectividade mariña e de auga doce.
A sesión de apertura terá lugar mañá, mércores 2 de setembro, ás 9:15 da mañá, no auditorio do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO). Contará coas intervencións de Andreu Blanco Cartagena (Presidente do Comité Organizador Local), Elsa Vázquez (Decana da Facultade de Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo) e Beatriz Novoa (Directora do Instituto de Investigacións Mariñas).
A celebración de iMarCo 2026 converterá a Vigo nun punto de encontro internacional para a investigación sobre a conectividade de ecosistemas acuáticos durante tres días, promovendo o intercambio de coñecemento e a colaboración interdisciplinar.




