Un grupo de estudantes dos ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Xestión Forestal e do Medio Natural do CFEA de Becerreá participou esta semana nunha actividade formativa nas montañas do Courel. A xornada incluíu un percorrido pola Devesa da Rogueira e unha visita á Aula da Natureza de Moreda, situada no concello de Folgoso do Courel.
Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de identificar as principais especies vexetais da zona, coñecer a riqueza e singularidade dos seus ecosistemas e afondar na importancia da conservación e xestión sostible dos espazos naturais. Tamén se deron a coñecer diferentes recursos e ferramentas de educación e interpretación ambiental, fomentando actitudes responsables cara ao medio.
Esta iniciativa enmárcase na aposta da Consellería do Medio Rural por complementar a formación académica con experiencias prácticas que favorezan o coñecemento do territorio. A Consellería busca reforzar o papel dos CFEA como centros vinculados á realidade e ás necesidades profesionais do sector agrario e forestal.




