A consulta de tabaquismo específica coa que conta o Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol atende ó redor de 400 persoas que queren deixar de fumar, e que non o conseguiron tras varios intentos. Vense nesta consulta diaria, de luns a venres, unha media de 18 pacientes, de tódalas idades. Esta consulta activaba unha nova vía para identificar pacientes fumadores no propio ingreso hospitalario e axudarlles a deixar de fumar, na que se levan captado máis de 153 pacientes dende a súa activación hai case un ano.
A Área Sanitaria de Ferrol sumouse un ano máis ó Día galego sen tabaco, que se celebra hoxe, con varias mesas informativas e actividades diversas durante esta semana tanto en centros de saúde como no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Segundo explica Ana Belén Sierra, enfermeira que coordina a consulta de tabaquismo, “o tabaco dana practicamente tódolos órganos do corpo; e é a principal causa de enfermidade evitable, discapacidade e morte prematura no mundo”. O consumo de tabaco afecta a múltiples órganos, como o cerebro (ictus, deterioro cognitivo), corazón (enfermidades coronarias, insuficiencia cardíaca), vexiga, ril, pulmóns (EPOC, cancro), larinxe, farinxe, ollos e pel.
Na mesa informativa do Complexo, profesionais sanitarias mediron ós e ás fumadoras os seus niveis de CO no seu aire. Alertaron tamén fronte os novos xeitos de fumar, como o vapeo ou o cigarro electrónico, que teñen compoñentes descoñecidos e perigosos como a nicotina, e que están a calar entre os máis novos, sendo causantes da Evali, lesión pulmonar asociada ó seu consumo.
Ana Belén Sierra incide en que “deixar de fumar é posible e millóns de persoas o conseguen cada ano grazas ó apoio sanitario. Acudir a un profesional sanitario formado multiplica as posibilidades de éxito de deixar de fumar en comparación con tentalo sen axuda ou con técnicas sen aval científico”. A consulta recibe persoas derivadas de centros de saúde, outras especialidades hospitalarias e, como novidade, pacientes hospitalizados. Faise unha entrevista persoal, datos antropométricos e test para elaborar un diagnóstico e tratamento personalizado.
Dende esta consulta, xa seguen a 153 pacientes captados no propio ámbito hospitalario. O circuíto está establecido: dende maio, a profesional ve pacientes en teleconsulta e acode ó andar de hospitalización para valorar e falar coa persoa. Se o desexa, inclúense na consulta de tabaquismo, xa dende o propio andar ou cando é dada de alta. Aplícase tratamento de deshabituación ou descenso progresivo. Unha vez dados de alta, cítanse nunha ou dúas semanas despois nunha visita presencial. "Esta medida estase a amosar efectiva, xa que o 80% dos casos seguen sen fumar cando chegan a esa consulta", matizan.
Na Área Sanitaria de Ferrol existe un Comité de Tabaco que se ocupa de diversos aspectos e da colaboración multidisciplinar con Cardioloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía ou Cirurxía. Pacientes con patoloxías oncolóxicas ou sometidas a cirurxías son invitados a deixar o tabaco. Tamén se pon en valor o traballo dos profesionais dos centros de saúde para a intervención inicial e a derivación de casos.
Ao longo da semana, houbo actividades nos centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol, como un xogo interactivo sobre tabaquismo en Ares, mesas informativas en Serantes, espazos divulgativos e charlas comunitarias en A Capela. Facilitouse información elaborada por Saúde Pública da Consellería de Sanidade, con guías de autoaxuda e consellos de convivencia.




