O evento ecuestre, xa consolidado como unha das citas máis importantes do calendario municipal de Cerdido, congregou a máis de 90 inscritos, entre criadores, afeccionados e público en xeral. Esta cifra superou os datos da edición anterior, segundo informou a corporación local.
Durante a xornada, os asistentes puideron gozar dunha variada programación de actividades e probas ecuestres. No ámbito competitivo, celebráronse probas de andaina nas modalidades de paso serrado e chapeado. Tamén se entregou un trofeo ao mellor poldro e recoñecementos aos participantes de maior e menor idade. Ademais dos trofeos, os gañadores de cada categoría recibiron un saco de penso.
A feira tamén contou cunha ampla oferta gastronómica e diversos postos tradicionais, que complementaron a experiencia dos visitantes. Desde o goberno municipal, expresouse agradecemento polo esforzo organizativo e a implicación de todas as persoas e entidades colaboradoras que fan posible este evento ano tras ano.
“"A Feira do Cabalo da Barqueira é unha das nosas grandes citas anuais, non só polo seu valor cultural, senón tamén porque contribúe a dinamizar o medio rural. Segue sendo un punto de encontro para veciños e visitantes."
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, subliñou a importancia da feira como un elemento dinamizador para a zona e agradeceu a colaboración de entidades, establecementos e persoas que contribuíron ao seu éxito.




