O proxecto conta cunha achega maioritaria da administración autonómica, que financiará o 80% do custo total a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e da Axencia de Turismo de Galicia. Pola súa banda, o goberno local asumirá o 20% restante, integrando posteriormente as melloras no patrimonio público municipal.
As intervencións previstas en Sigüeiro céntranse na renovación dos firmes dos sendeiros e na modernización das instalacións recreativas. Entre as actuacións destacan o arranxo das pistas deportivas e do parque infantil, así como a actualización do mobiliario urbano e a mellora da iluminación pública para garantir unha maior seguridade.
“"O obxectivo é converter este contorno nun lugar máis accesible, seguro e amable para camiñar, practicar deporte, descansar ou pasar tempo de lecer en familia ou entre amigos."
Esta iniciativa busca non só facilitar o tránsito dos peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela, senón tamén potenciar o uso social desta zona recreativa pola veciñanza. Segundo fontes autonómicas, o programa forma parte dunha estratexia máis ampla para conservar o patrimonio e embelecer as vilas galegas, creando espazos máis atractivos para a convivencia.




