A decisión do goberno local chega despois de que o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada saísen a información pública. Nun comunicado, o consistorio cercedense expresou o seu posicionamento, subliñando o seu respecto institucional cara ao concello veciño.
“"O Concello de Cerceda mantén unha postura aberta cara aos proxectos industriais e enerxéticos. Con todo, neste caso considera que a planta de biogás non garante un retorno social, ambiental nin económico claro e presenta, pola contra, impactos negativos relevantes para a contorna."
O alcalde de Cerceda, xunto coa deputada autonómica Silvia Longueira, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a concelleira de Urbanismo de Culleredo, Marta María Igrexas, e a concelleira do PSdeG da Laracha, Inés Ramos, reuníronse para abordar a cuestión. O Concello de Cerceda defende que a súa postura en proxectos deste tipo é "coherente e previsible", apoiando a implantación industrial sempre que se formule de forma equilibrada e garantindo a sustentabilidade económica, social e ambiental.
Para a administración municipal, o emprazamento previsto para a planta, en solo rústico, "abre a porta a dinámicas especulativas, afastadas dunha planificación sostible". O Concello de Cerceda argumenta que os proxectos vinculados á economía circular deberían situarse en contornas con industria consolidada ou actividade relacionada, evitando así a dispersión, os conflitos de usos e os impactos innecesarios. Ademais, o executivo local lembrou a proximidade do proxecto ao río Anllóns, un espazo de "elevado valor ambiental".




