O festival Psicotroita prepara a súa undécima edición, consolidándose como unha das citas máis singulares da música alternativa en Galicia. Os días 26 e 27 de setembro, a Área Recreativa do Paseo do Carboeiro, en Sigüeiro (Oroso), converterase novamente nun punto de encontro para os amantes das guitarras, o garage, o punk, o power pop, o surf rock, a psicodelia e outras expresións da música popular contemporánea. O festival, de carácter gratuíto, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, destacou durante a presentación a “capacidade do Psicotroita para construír, desde Sigüeiro, unha proposta cunha personalidade musical moi definida e perfectamente recoñecible”. Subliñou que o festival “mantén intacta a súa identidade e segue apostando por unha programación que non busca seguir tendencias, senón crear unha experiencia propia arredor da música, da festa e do encontro entre o público e os artistas”, cualificando esta singularidade como “unha das grandes riquezas do mapa musical galego”.
A programación do sábado 26 de setembro incluirá actuacións de Mujeres, Familia Caamagno (que presentará o seu novo traballo), a banda británica Eel Men, Rager, Pladür e Orquestra Neverloura. O domingo 27, o cartel complétase co músico arxentino Rolando Bruno, referente da cumbia trash, os cataláns Los Tiki Phantoms e a súa proposta de surf rock instrumental, e Pidechas o Corpo para a sesión de peche.
O festival, que se celebra nun espazo verde como a Área Recreativa do Paseo do Carboeiro, ofrece un formato ao aire libre, próximo e familiar. Ademais da música, contará con postos de comida popular e zonas de descanso, buscando unha experiencia afastada dos grandes recintos.
Os Concertos do Xacobeo, impulsados por Turismo de Galicia, apoian máis de 190 festivais, ciclos e concertos en toda Galicia, co obxectivo de situar a comunidade como destino turístico de eventos musicais.




