O ciclo, que busca achegar información médica e científica á cidadanía, especialmente á poboación rural e maiores, comezou coa conferencia "Como vivir máis de cen anos con saúde" impartida polo doutor González Juanatey.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia de ofrecer contidos avalados pola ciencia fronte á desinformación e subliñou o compromiso de levar este coñecemento a todos os concellos.
Durante a súa intervención, o catedrático de Cardioloxía da Universidade de Santiago, José Ramón González Juanatey, fixo fincapé na importancia da actividade física, a alimentación, o descanso e o control de factores de risco como a hipertensión, o colesterol e a diabetes para a saúde cardiovascular e a prevención do deterioro cognitivo.
Tamén se abordou o potencial da intelixencia artificial na medicina para mellorar o diagnóstico e a detección temperá de enfermidades, así como a colaboración entre Galicia e Portugal no proxecto New Health para avanzar nunha atención máis accesible.
O ciclo continuará en novembro en Melide coa charla "O cancro, prevención e tratamento" a cargo de Rafael López López, e en decembro na Pobra do Caramiñal coa investigadora Ana Belén Crujeiras Martínez, quen falará sobre "Vivir sen obesidade".




