A mostra, que se poderá visitar ata febreiro de 2027 na Casa Museo Camilo José Cela, busca reivindicar o labor de Camilo José Cela na proxección e dignificación da literatura galega e das actuais linguas cooficiais. O conselleiro destacou a "relevante contribución" do escritor para que a calidade das letras galegas non fose esmorecida polo exilio ou a censura da ditadura.
López Campos subliñou a "polifonía lingüística e a dignificación literaria" que Cela impulsou a través da publicación, que estivo activa entre 1956 e 1979, "dándolle espazo e voz ao galego e ao resto de linguas ás que, naquela época, se lles negaba o recoñecemento oficial".
A exposición reflicte o compromiso de Cela en dar cabida na revista a figuras senlleiras da nosa literatura como Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, María do Carmen Kruckenberg, Aquilino Iglesia Alvariño, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, José Ángel Valente, Manuel María, entre outros, xunto a autores en catalán ou éuscaro.
Ademais, o conselleiro salientou a "rede, comunidade e resistencia cultural adiantada ao seu tempo" que o escritor conseguiu a través desta publicación, na que tiveron cabida creacións de artistas como Joan Miró e colaboracións de filósofos como Maria Zambrano, poetas como Rafael Alberti, Cernuda ou Jaime Gil de Biedma, músicos como Jesús Bal y Gay ou xornalistas como Ben-Cho-Shey.
A mostra exhibe fotografías, correspondencias, manuscritos, debuxos, textos, obxectos persoais e documentación, incluíndo a carta de Camilo José Cela a Vicente Aleixandre anunciando a saída da revista e solicitando a súa colaboración, o mural de Pau Fornés para ilustrar a redacción en Palma de Mallorca, e debuxos e dedicatorias manuscritas de Pablo Picasso, Antonio Saura ou Joan Miró.




