O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á final da categoría de Cociña do certame Xuventude Crea, celebrado no mercado da praza de Abastos de Santiago de Compostela. López Campos salientou a contribución desta iniciativa para "descubrir novos talentos e confirmar o potencial de Galicia nas máis diversas disciplinas artísticas, creativas e culinarias".
Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante da Xunta gabou o "alto nivel" dos 23 participantes nesta modalidade da décimo sétima edición. Destacou as propostas culinarias gañadoras, que inclúen as receitas Ravioli de boi, castaña e grelo, Os da casa e Milfollas de castaña, café e augardente, recoñecendo a "gran tradición e interese polas receitas, produtos e gastronomía que existen en Galicia".
López Campos considerou que o Xuventude Crea confirma, un ano máis, que Galicia conta "cunha excelente canteira para os fogóns da restauración galega" e que está garantida unha "remuda xeracional á altura das grandes cociñeiras e cociñeiros que, na actualidade, posibilitan saborear Galicia Calidade por todo o mundo".
As tres receitas galardoadas recibiron un "merecido recoñecemento á excelsa calidade". Náyelin Michelle Ferrreras e Ana Yivelis Pérez, de Arzúa, obtiveron o primeiro premio; Anxo Giráldez e Lucas Gil, de Ponteareas, o segundo; e Valeria Torrado, de Boiro, o terceiro.
A cociña é unha das 15 especialidades do Xuventude Crea, que este ano suma preto de medio milleiro de persoas inscritas. As tres propostas gañadoras recibirán os seus respectivos premios nunha gala final xunto co resto de distinguidos nas 14 categorías restantes.




